Un total de dezasete establecementos de hostalería localizados en diferentes barrios de Narón comezarán este mediodía a servir gratuitamente coas consumicións tapas elaboradas con pementos do Couto e tomate negro cultivados no municipio. A iniciativa “Horta de Narón 2015” enmárcase no programa Narón Gastronómico, coorganizado polo Concello naronés, xunto coa Cooperativa do Val; Mercaval e a Denominación de Orixe Ribeiro. Todas aquelas persoas que desexen degustar as diferentes tapas poden facelo desde hoxe ata o domingo e do 6 ao 9 de agosto nos establecementos participantes, ao mediodía e tamén á tarde-noite.
Os clientes recibirán coas consumicións unhas tarxetas nas que deberán cumplimentar uns datos persoais para depositalas nunha urna instalada en cada local e poder así participar en varios sorteos. Os agasallos son unha fin de semana nun establecemento de turismo rural (con aloxamento, comida e unha visita a unha bodega con D.O. Ribeiro), a cargo da Denominación de Orixe Ribeiro; un vale de compra de 200 euros e tres de 100 euros que entregará Mercaval –nome comercial das tendas que a cooperativa do Val ten nesta última parroquia naronesa e en Serantes (Ferrol)- e cinco lotes cunha guía de viños, un libro do Ribeiro, unha botella de viño branco e outra de tinto e merchandising.
A iniciativa conta co respaldo do Concello de Narón a través da Concellería de Promoción Económica, que dirixe o edil Pablo Villamar. A convocatoria ten entre os seus obxectivos, tal e como recordou o concelleiro naronés, “a posta en valor dos produtos da gastronomía local, neste caso o pemento do Couto, con distintivo de Indicación Xeográfica Protexida, o que constata a súa calidade, e o tomate negro que cultivan produtores locais e que tamén permite múltiples posibilidades á hora da súa degustación grazas ás súas destacadas características”.